mércores, 25 de marzo de 2020

MATERIAIS PARA TEMPO VIRADO: Calidades do Son

Diferenciamos perfectamente un SON de calquer outra sensación pero, saberías dicir exactamente que é?  Presta atención ó cadro que segue porque poderá axudarte a entender moitos conceptos e elementos da música.

Un SON haberá de ter catro cualidades: 

INTENSIDADE - ALTURA - DURACIÓN -  TIMBRE


Cada unha delas refírese a un aspecto diferente e represéntase dun xeito distinto.

Velaí tes un cadro que pode axudarte a comprendelo


Na CAIXA DE XOGOS atoparás distintas actividades nas que poderás practicar as cualidades do son. Velaí algunhas delas:




As explicacións e actividades de clase, o cadro e os xogos da CAIXA DE XOGOS van conseguir que resolver as preguntas do cadro sexa moi sinxelo.


XUNTANZA DE FAMILIAS NUN TEMPO VIRADO: Os instrumentos

Velaquí vai máis material para descargar en casa repasar neste tempo virado. Lembra as distintas actividades que temos feito en clase para distinguir as familias instrumentais (organizando os instrumentos da aula, con láminas, con xogos de cartas, con xogos na pantalla, con xogos no ordenador...)
En publicacións máis antigas deste mesmo blogue tamén atoparás a clasificación dos instrumentos.


Nestoutra: Instrumentos musicais

Entrade nelas para refrescar os teus coñecementos. Aproveita para facer as actividades dos enlaces. Pero despois haberás de colorear a ficha que segue.


Colorea os instrumentos de cada familia da mesma cor 


AS HORAS DUN TEMPO VIRADO

Nestes días de tempo virado seguramente pasaredes por  sensacións ben distintas ó longo do día. Haberá ratos que pasen voando, e outras veces pode que teñades un "bule-bule" interior que faga que a tarde non de pasado.
Velaí vai unha cantiga estupenda de Ana Mª Fernández con  Música de Manuel Rico.


Completa o musicograma (editado por GaliNova) coa hora do reloxo e coa figura musical que corresponda.



domingo, 22 de marzo de 2020

HIXIENE E PREVENCIÓN PARA UN TEMPO VIRADO

Velaí un vídeo que estes días está percorrendo os grupos de whatshap.

https://onedrive.live.com/?cid=220FB10BAA048718&id=220FB10BAA048718%218230&parId=220FB10BAA048718%218196&o=OneUp

Alerta e poderemos aprender algunha cousa.

1.- Cantos instrumentos sonan?
 a) 2          b) 3        c). 4         d) 1

2.- Cales son?

3.- Marca a que grupo pertencen?
a) Aerófono           b) Cordófono          c) Idiófono            d) Membranófono           

4.- Sabes o nome da persoa que compuso esta peza?
a) Beethoven                b) Mozart                     c) Brahms 



Presta moita atención ó video que segue:


Pois si. É a mesma melodía do vídeo anterior. É unha composición do alemán Johannes Brahms, que no século XIX inspirouse nas ledas danzas populares de Hungría para compoñer 21 pezas para piano (a catro mans). De todas, a danza nº 5 é a máis coñecida. 

5) Somentes unha destas persoas é Johannes Brahms. Indica cal.

Johannes Brahms viviu entre 1833 e 1897. Un século de moitos cambios e innovacións.
6) Marca que eventos sucederon nos tempos que viviu.

a) Inventouse a fotografía        b) Inventouse o avión            c) Inventouse a lavadora

e)inventouse o teléfono            d) Utilízase a electricidade nas casas e nas industrias

Velaí unha interpretación ó piano. Escoita moi atentamente para resolver o que segue


Xa sabes que a melodía organízase en frases. Se te concentras poderás distinguir tres frases. Escoita a peza as veces que precises ata descubrir cal das seguintes propostas é a forma que escolleu o compositor.

a)  AA BB CC A B C                      b)  ABC ABC ABC                      c) A BB A CC A

mércores, 18 de marzo de 2020

A INTENSIDADE DO CORONAVIRUS

Ben seguro que a palabra que más escoitaches nesta última semana foi "coronavirus". Velaí tes o responsable de tódos estos cambios na nosa vida. 




Que te parece se facemos música con el?  Agora que xa o vimos, imos facer que sone. Cada vez que apareza a imaxe do coronavirus ti haberás de interpretar este ritmo:
 
Escolle algún obxecto para facer o seu son. Podes utilizar unha pelota pequena (como tambor) e petar nela cunha culler (como baqueta). Se non te convence, busca outro "instrumento". Para facer unha axeitada selección pensa que haberás de ir variando a intensidade do son, pero ten moito coidado de non molestar co ruído.


Imos aló. Pon a túa mente a funcionar e descifra estes esquemas. Podes interpretalos sucesivamente e, despois, facer combinacións xogando coa orde e repetindo algún deles. Seguro que pronto inventarás ti series novas combinando os distintos tamaños. Divírtete e disfruta.


 😉 Se non sabes ler música e non entendes eses símbolos raros de enriba, non te preocupes. Podes resolver dando un golpe coa culler no balón por cada un dos coronavirus que atopes. Pero haberás de prestar atención e petar máis ou menos forte según o tamaño do virus.









RITMOS NA COCIÑA PARA UN TEMPO VIRADO

Como parece que temos por diante un tempo virado, imos ver de disfrutar coa música na nosa casa, coas cousas que temos a man.
Propóñovos colorear e recortar as follas da imaxe que vos presento. 
Se non tes maneira de imprimilas, ben sei que saberás copialas nun papel e colorealas ó teu xeito.



Agora vaites á cociña. Pide permiso para remexer nos caixóns e procurar algúns obxectos que utilizarás para facer música. Velaí algunhas ideas: 









Pois agora xa tes o instrumento e a partitura: A TOCAR!

1 - Pon as follas cara abaixo e, ó chou, escolle unha para tocar.
Escolle outra e toca. Engádea á primeira e toca as dúas seguidas. Poderás  seguir  engadindo ata completar a partitura con todas as follas

2 - Procura algunha persoa para tocar contigo. Pídelles que escollan o seu instrumento e volvedes a empezar ó xogo.
     a) tocades ó unísono (as dúas persoas ó mesmo tempo)
     b) tocades en eco (un empeza e a outra persoa o repite) 
     c) organizade a interpretación de xeito que teñades partes de solo (cada un só) e outras ó unísono (ámbalas dúas persoas xuntas)

3 - Intenta aumentar a orquestra con máis instrumentistas e, senón queres inventar novos esquemas rítmicos, organiza a partitura con partes que se repiten a modo de retrouso (estribillo)