luns, 11 de maio de 2015

CANTÁDEME UN MAIO



Chegou MAIO e con él a festa da primavera das aldeas e vilas galegas. Velaí algunhas coplas do cancioneiro tradicional que falan desa festa. Lembra que si clicas na partitura abrirase o NOTEFLIGHT e poderás escoitala se premes no triángulo vermello do ángulo inferior esquerdo.

 Aí ven o maio

AÍ VEN O MAIO 

Aí vén o Maio
pra Vilariño
aí ven o Maio
saír ó camiño.

Este é o Maio
que maiño é;
este é o maio
 que anda de pé.



 Levántate Maio

LEVÁNTATE  MAIO 

Levántate  Maio
que tanto durmiches
pasou o inverno
e non o sentiches.

E víste-lo Maio
e vístelo ben;
se é que non o vistes
 velaí vos vén.   


 Maio Maio


MAIO, MAIO ENTRA DE CREGO 

Maio, maio
entra de crego
Non revolva-lo tempo xurando.
Maio, Maio
da cruz da mariña
Bótennolo maio, señores caballeros
Se non teñen maios pois bótennos diñeiro

Ahí ven o Maio pola calle do Sol
Ahí ven o maio de roubar ó valedor.
Ahí ven o Maio pola calle do Medio
Ahí ven o Maio de roubar o velo-velo.
Ahí ven o Maio pola calle de Abaixo
Ahí ven o Maio de roubar o Tirabaixo.
Ahí ven o Maio por riba das silveiras
Ahí ven o Maio de roubar ás costureiras.
Ahí ven o Maio pola calle de Arriba
Ahí ven o Maio de roubar á Maravilla.

Escoita esta cantiga na versión de NA LÚA, un grupo do Porriño que, aló polos anos 80, encheu de marcha estas coplas tradicionais.


 Aínda que a tradición dos Maios é ben antiga e celebrábabase en toda Galicia, son as provincias do Sur (Ourense e Pontevedra) onde máis e mellor permanece.

Vai seguindo o fío:   VERBAS  -   SONS   -  IMAXES
Un poeta ourensán,  Manuel Curros Enríquez, escribiu hai cento trinta e cinco anos un belísimo poema que contaba como a rapazada da súa vila, Celanova, ía cantando polas casas e mesmo pedindo algún agasallo cando chegaba o tempo dos maios. Cen anos máis tarde Luis Emilio Batallán, un rapaz de Caldas de Reis, leeu  o poema dos maios; empezou a rebulirlle nos miolos unha melodía, e converteu aquel vello poema en canción. E trinta e cinco anos despois, velaí está, agora convertido en "película".


O MAIO

Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...


Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...


Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


Manuel Curros EnríquezAires da miña terra


E para rematar, imos descubrir como construiu o seu MAIO a comunidade educativa do CEIP Campolongo de Pontevedra.


Ningún comentario: