A ARCA DA MARGA.
A arca é o lugar onde as sensacións esperan, protexidas e quentes. Velaí están ata que alguén, con interese e curiosidade, abra a tampa e remexa na súa procura.
E que podes atopar? Pois as partituras, as cancións, as audicións, os vídeos, os xogos que usamos na rede, e outros enlaces con información útil.
Funga Alafia é unha danza de benvida dos Yoruba, un grupo étnico de case 40 millóns de persoas que viven no Oeste de África (Nigeria, Liberia, Benín, Togo, Sierra Leona...)
En África a música ten funcións sociais moi importantes e, algunhas delas, ben distintas das que ten en Europa. A música vai acompañada de danza e de canto: TRES NUN... E así, música-canto-danza serven para expresar os sentimentos, para exteriorizar e comunicar aquelo que lle acontece á persoa ou ao grupo. Os movementos da danza, os acenos, forman parte dun rico linguaxe xestual que completa a información que da letra da canción.
Todo esto sucede en FUNGA ALAFIA. O texto é ben simple:"Benvida para vós". Pero os acenos que acompañan, engaden información: "A miña mente davos a benvida, os meus ollos danvos a benvida, os meus beizos danvos a benvida, o meu corazón davos a benvida".
Esmerádevos con esta cantiga. Lembrade a cantas persoas coñecedes que houveron de marchar lonxe na procura dunha vida mellor. Lembrade a todas esas persoas que, fuxindo da guerra, da fame, da inxustiza... intentan buscar un lugar onde vivir con dignidade... FUNGA ALAFIA.
Velaí a partitura
Velaí a dixitacións para que poidas practicala coa túa frauta
No enlace que segue atoparás a dixitación para frauta e tamén os acenos da danza. Fíxate ben para descobrir se hai algunha diferencia coa versión que aprendimos nós.
Un breve achegamento a Beethoven, ese alemán que conseguiu transformar o seu terrible silencio en MÚSICA.
Na biblioteca da Aula de Música temos varios libros sobre este compositor:
Para descubrir máis cousas sobre Ludwig podes achegarte ao seguinte enlace. Percorre o seu escritorio e poderás escoitar a súa música ou atopar información sobre a súa música, os seus estudos, os seus amigos, os seus amores, a súa vida cotiá... e ainda facer un web-rally con preguntas.
Hai varios "biopics" sobre a vida de Ludwig Van Beethoven. Velaí unha escea da película COPIANDO A BEETHOVEN (Copying Beethoven) na que, además de escoitar a IX SINFONÍA, poderás comprobar como era unha sala de concertos no seu tempo.
Nestoutro enlace poderás tocar no teclado duas partituras súas:
A Oda a Alegría, ou Para Elisa.
Se queres tocar O Himno a Alegría coa túa frauta doce, velaí queda a partitura.
E tamén o enlace onde poderás practicar a dixitación.
Finalmente, disfruta con esta flashmob nunha praza da vila catalana de Sabadell.
Visitando o enlace este enlace poderás coñecer os diferentes instrumentos da orquestra. Terás información sobre os materiais cos que se constrúen, ou as distintas técnicas para tocalos. Poderás escoitalos interpretando obras ben famosas. E saberás onde se colocan para obter o mellor sonido cando tocan agrupados nunha orquestra.
Nestoutro enlace aprenderás a distinguir os instrumentos atendendo a como conseguen o seu son, esto é: CORDÓFONOS - AERÓFONOS - MEMBRANÓFONOS - IDIÓFONOS - ELECTRÓFONOS Tamén poderás escoitar as distintas FAMILIAS: CORDA FROTADA - CORDA PULSADA - CORDA PERCUTIDA VENTO MADEIRA - VENTO METAL PERCUSIÓN DETERMINADA - PERCUSIÓN INDETERMINADA
Un último enlace para aprender mais cousas sobre os instrumentos da orquestra
Presta atención ao Vídeo seguinte e poderás coñecer algúns dos instrumentos que se utilizaron durante o RENACEMENTO.
Anota o nome do instrumento e á familia á que pertence.
Neste vídeo poderás confirmar a información que recolleste. Anota os instrumentos que recoñeces.
Na seguinte gravación poderás disfrutar dun dos músicos máis importantes da música Antigua. Anota o seu nome e tamén o título da obra que interpreta. Intenta descubrir ta mén o nome dos instrumentos que están a escoitar.
No seguinte enlace atoparás unha explicación "detallada" de como bailaban no Renacemento. Está en inglés, pero se prestas atención e coa axuda das imaxes haberás de entendelo. Presta atención aos 4 mn que dura e logo redacta coas tuas palabras unha descripción das danzas: como colocan, como se moven...
Toma nota dos nomes das danzas e confirma como son.
Escoita a PAVANA "Belle que tiens ma vie" que bailamos en clase:
Velaí o BRANLE DAS LAVANDEIRAS, unha danza renacentista coa que disfrutamos en clase.
O alumnado de sexto acudirá a un concerto dunha "orquestra de pulso e púa". Estas agrupacións están formadas por instrumentos de corda pulsada: A GUITARRA, O LAÚDE, A MANDOLINA, A BANDURRIA.
Velaí podedes escoitar esta interesante agrupación finlandesa.
Velaí unha canción para practicar a resta. Divertímonos cantandoa no primeiro curso.
Se premes na partitura poderás escoitala. Esta é a música
Velaí queda o texto en galego
E tamén un vídeo feito a partires do libro que utilizamos en clase, da editorial Ekaré. Escoita atentamente e intenta descubrir as diferencias da melodía que aprendimos na clase.
Alfonso X o Sabio soubo sumar habilidades, saberes e sensibilidades. Xudeos, árabes e cristianos participaron en importantísimos traballos científicos rescatando antigos textos e traducindo ao latín documentos árabes e tamén xudeos.
Foi o autor de cantigas e cancións: AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA. Velaí déixovos a partitura simplificada da Cantiga nº 100 (Santa María Estrela do Día).
Poderemos tocala tamén nun arranxo para os instrumentos de placas. Agora velaí quédavos para que poidades tocala coa frauta.
Lembrade que cando clicades na imaxe abrides un enlace a NOTEFLIGHT. Buscade a flecha de PLAY e premede nela para escoitar a melodía
Velaí vos queda un enlace para que vedase como se toca coa frauta.
Velaí está. É Molly Malone, unha pesca que vendía peixe polas rúas de Dublin, ou cando menos isa é a triste historia que escoitarás cantar en tódolos pub's da verde Ireland (Irlanda, para nós).
Esta é a letra da canción
E velaí queda a partitura. Lembra que, si premes na partitura, abrirase NOTEFLIGHT e cando premas no triángulo vermello do ángulo inferior esquerdo poderás escoitar a melodía ao tempo que les as notas.
E agora imos escoitala en distintas voces. Na versión tradicional de THE DUBLINERS
Chegou MAIO e con él a festa da primavera das aldeas e vilas galegas. Velaí algunhas coplas do cancioneiro tradicional que falan desa festa. Lembra que si clicas na partitura abrirase o NOTEFLIGHT e poderás escoitala se premes no triángulo vermello do ángulo inferior esquerdo.
AÍ VEN O MAIO
Aí vén o Maio
pra Vilariño
aí ven o Maio
saír ó camiño.
Este é o Maio
que maiño é;
este é o maio
que anda de pé.
LEVÁNTATE MAIO
Levántate Maio
que tanto durmiches
pasou o inverno
e non o sentiches.
E víste-lo Maio
e vístelo ben;
se é que non o vistes
velaí vos vén.
MAIO, MAIO ENTRA DE CREGO
Maio, maio entra de crego Non revolva-lo tempo xurando. Maio, Maio da cruz da mariña Bótennolo maio, señores caballeros Se non teñen maios pois bótennos diñeiro
Ahí ven o Maio pola calle do Sol Ahí ven o maio de roubar ó valedor. Ahí ven o Maio pola calle do Medio Ahí ven o Maio de roubar o velo-velo. Ahí ven o Maio pola calle de Abaixo Ahí ven o Maio de roubar o Tirabaixo. Ahí ven o Maio por riba das silveiras Ahí ven o Maio de roubar ás costureiras. Ahí ven o Maio pola calle de Arriba Ahí ven o Maio de roubar á Maravilla.
Escoita esta cantiga na versión de NA LÚA, un grupo do Porriño que, aló polos anos 80, encheu de marcha estas coplas tradicionais.
Aínda que a tradición dos Maios é ben antiga e celebrábabase en toda Galicia, son as provincias do Sur (Ourense e Pontevedra) onde máis e mellor permanece.
Vai seguindo o fío: VERBAS - SONS - IMAXES
Un poeta ourensán, Manuel Curros Enríquez, escribiu hai cento trinta e cinco anos un belísimo poema que contaba como a rapazada da súa vila, Celanova, ía cantando polas casas e mesmo pedindo algún agasallo cando chegaba o tempo dos maios. Cen anos máis tarde Luis Emilio Batallán, un rapaz de Caldas de Reis, leeu o poema dos maios; empezou a rebulirlle nos miolos unha melodía, e converteu aquel vello poema en canción. E trinta e cinco anos despois, velaí está, agora convertido en "película".
O MAIO
Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños, calados e quedos; que o que é polo de hoxe que darvos non teño. Eu sonvos o probe do pobo gallego: pra min non hai maio, pra min sempre é inverno! ...
Cando eu me atopare de donos liberto i o pan non me quiten trabucos e préstemos, e como os do abade frorezan meus eidos, chegado habrá estonces o maio que eu quero ...
Queredes castañas dos meus castiñeiros? ... Cantádeme un maio sin bruxas nin demos; un maio sin segas, usuras nin preitos, sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra
E para rematar, imos descubrir como construiu o seu MAIO a comunidade educativa do CEIP Campolongo de Pontevedra.
O Palacio Real de Madrid garda a mellor colección de Stradivarius do mundo. E vos estaredes preguntando " eso que é"?. Pois Antonio Stradivari foi o primeiro dunha familia de luthier (constructores de instrumentos) que viviron en Cremona (Italia) hai 300 anos. Un instrumento (e máis os de corda frotada) é un obxecto de construcción minuciosa, precisa, exacta, e complicada. Velaí podes ver, en 3 minutos, un longo proceso que dura meses (porque non boto contas dos 25 anos nos que a madeira debe secarse ata poder ser utilizada)
Pero os instrumentos feitos por Stradivarius son dunha sonoridade moi especial, espléndida. Ademais de ser obxectos de gran beleza, cunha moi delicada ornamentación. Hoxe consérvanse uns 600 instrumentos elaborados por esta familia. Para que vos fagades unha idea do seu valor, direivos que no ano 2011 foi subastado un deles por 17.000.000 dólares (si, lestes ben, 17 millóns de dólares).
Os científicos danlle moitas voltas ás causas do seu peculiar son: que si o tempo de secado das madeiras de arce e abeto; que si as condicions de corte e secado da madeira; que si a composición das distintas capas de barniz...
Semella o título dunha novela: "O misterio do barniz de Stradivarius", pero é o título do brevísimo e interesante vídeo que vos propoño.
Cando visitedes o Palacio Real, prestade moita atención e gravade na vosa memoria as imaxes deses instrumentos únicos e excepcionais. Velaí vos deixo un último vídeo para que poidades escoitalos (xa, xa sei que moito mellor sería poder escoitalos alí mesmo... pero non sei eu se será posible...)
Aproveitando que o alumnado de Sexto vai facer unha excursión a Madrid, imos entrar con eles nunha das máis importantes Pinacotecas do mundo: O MUSEO DO PRADO. E neste máxico lugar faremos unha visita moi especial porque iremos na procura de cadros que "teñan música", é dicir, imos disfrutar con representacións de músicos, instrumentos e bailes ou danzas de distintas é pocas e diferentes culturas.
Empezamos cun instrumento ben coñecido para nós, moi utilizado na nosa música tradicional: a zanfoña.
O CEGO TOCANDO A ZANFONA de George La Tour
Desde o século XV ata principios do XX os músicos cantaban coplas e tocaban instrumentos polas rúas e plazas das vilas, procurándose algunhas moedas. O francés George La Tour pintou a un deles, un vello cego que apreta con forza o manubrio da súa zanfona. Podería ser unha personaxe de calquera novela picaresca. O perfil enrugado e canoso do vello cego recortado sobre un fondo escuro, contrasta co instrumento que ocupa gran parte da imaxe, e está pintado con gran detalle e fortemente iluminado. O aspecto desaliñado, a probreza das roupas sorpréndenos pola delicadeza da cinta rosa do instrumento.
Disfruta do cadro e, mentres escoitas"O Romance de don Gaiferos" interpretado por Faustino Santalices, e poderás sentilo tal e como sonou polas feiras e prazas durante moitos séculos.
EL OÍDO de Pedro Pablo Rubens
Euterpe, a musa da música, está representada tocando un laúde no salón dun elegante pazo. No seu redor, gran variedade de instrumentos, partituras, obxectos sonoros (reloxos, campaiñas, trompas de caza...), paxaros... No fondo á esquerda hai un grupo que toca música. Nas paredes hai cadros que representan historias mitolóxicas que teñen que ver coa música: "O concerto dos Deuses", " Orfeo dominando ás feras coa súa música" ou " O anuncio dos ánxos aos pastores".
Se clicas aquí ( Canon ) poderás escoitar como sona unha das partituras que está representada no cadro.
O BAILE NA BEIRA DO MANZANARES de Francisco de Goya
En 1777 Francisco e Goya pintou este cadro que ía a ser a "plantilla" para un tapiz que adornaría un salón no pazo dos Príncipes de Asturias. Representa un grupo de madrileños bailando entretidos nun día de festa na beira do Río Manzanares. Guitarra, bandurria, palmas, voz... é música popular, aínda que os bailadores e bailadoras parecen un pouco tesos.
O cineasta Carlos Saura adicou unha película a amosar a vida de Goya e do Madrid do seu tempo. Presta atención e descobre como recrea a festas de San Isidro.
O XARDÍN DAS DELICIAS de O Bosco
Este enigmático cadro é unha das xoias do Museo. Segue este enlace Audioguía infantil e atoparás unha estupenda explicación que te axudará a entendelo.
Agora xa sabes que para o Bosco a Música era algo maligno. Velaí alguns detalles dese Inferno Musical.
Entre as extranas figuras que imaxinou este sorprendente holandés (Hieronymus Bosch - O Bosco) hai un home que ten unha partitura musical marcada no seu cu.