O alumnado do C.E.I.P SOFÍA CASANOVA de Culleredo xa está preparado para ofrecermos un novo espectáculo.
III PALCO PARA UN TEMPO VIRADO
Comezamos cunha voz tan doce e clara como o seu nome. Clara Vázquez de 5ºA acaríñanos suavemente coa súa versión tranquila e relaxada do Pasodobre do Tempo Virado que canta, convencida e segura, sen deixar de mirarnos.
Pero logo da calma, chega a elaborada combinación de distintas artes ("performance") que presenta Hugo Castelo (5ºA). Precisades de toda a vosa atención para disfrutar polo miúdo todos e cada un dos detalles desta coidada interpretación.
Para Manuela Blanco (6º C) son importantes as cousas pequenas: os murmurios, os toques delicados e precisos, a lixeira resoancia do vidro, o equilibrio de formas e cores. Para chegarmos ó seu mundo de pingas sonoras haberemos de calzarmos cos seus zapatos de silencio e escoitar con atención.
Entrar na cociña con "mente musical" é unha festa de suxestións. Chega un momento en que atopas tantas sonoridades e tan distintas que resulta difícil escoller. Hugo Eiroa (6º B) pasou por esto e tomou decisións, escolleu, probou timbres, ritmos e intensidades e, con gusto convencido, preparounos unha versión "envasada" do pasodobre.
Cerramos o pano do telón deste III PALCO DO TEMPO VIRADO cunha coreografía con ar e sol que nos anuncia os tempos de movemento libre no exterior que están a piques de chegar. Nora Vázquez (3º C) emociónase e nos emociona.
Despedimos a este grupo de artistas e creador@s, mentres escoitamos xa o eco doutros tantos que ensaian nas súas casas os proxectos que presentarán en novas convocatorias. Se te animas a participar, envía o teu proxecto a arcadamarga@gmail.com. Lembra que para subir o PALCO DO TEMPO VIRADO necesitas un pasaporte: a autorización escrita (con DNI) da túa familia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario